O pasado mércores 10 de xuño, o alumnado de 5 anos de Educación Infantil e de toda Educación Primaria asistiu no Teatro Jofre á representación da obra “A rebelión dos contos”, posta en escena polo grupo de teatro do colexio dirixido pola profesora Marta Vázquez Paz.
A función, celebrada ás 12:00 horas, permitiu aos asistentes gozar do traballo realizado polos seus compañeiros e compañeiras durante meses de ensaios e preparación. A través dunha historia chea de imaxinación, humor e personaxes de contos tradicionais, os actores e actrices demostraron o seu talento, esforzo e entusiasmo sobre o escenario.
A representación foi recibida con gran interese por parte do público, que seguiu atentamente o desenvolvemento da obra e recoñeceu cun cálido aplauso o excelente traballo realizado polo grupo de teatro.
Esta actividade supón o broche final a un curso de dedicación artística e constitúe unha magnífica oportunidade para fomentar a creatividade, a expresión oral, o traballo en equipo e o gusto polas artes escénicas entre o alumnado.