Cinco frades e unha cidade, 1908
Hai moito tempo, cando Ferrol tiña uns 24.000 habitantes, un 10 de agosto de 1908, no aniversario da fundación da Orde da Mercé, chegaban cinco frades mercedarios á nosa cidade. Traían moitas ganas de evanxelizar (anunciar a Palabra de Deus) e tamén de educar, por iso case desde o principio atenderon a igrexa de Dolores e as chamadas «escolas dominicais», que funcionaban os domingos para alfabetizar a poboación, ensinar a ler e escribir, porque naquela época os que sabían facelo eran moi poucos.
Durante dous anos de traballo en Ferrol decatáronse de que os colexios eran escasos, e ademais de que non había ningún de relixiosos; naquela época os nenos e as nenas non estudaban xuntos. E seguramente os cinco, nun fermoso solpor ferrolán, preguntáronse: por que non fundamos un colexio e nos facemos redentores a través da cultura? Os cinco debemos supoñer que dixeron que si, e comezaron a buscar unha casa que reunise unhas condicións dignas para ser escola.
Souberon que quedaba libre a que se chamaba «Colexio da Mariña», que preparaba para o ingreso nas carreiras militares; era a única casa en Ferrol que, naquel momento, reunía condicións dignas para ser colexio e, tras os trámites oportunos, trasladáronse desde a súa residencia da rúa Magdalena (actual comercio de Acevedo) á rúa María 170 (actual colexio das rúas María e Arce). Era un edificio moi fermoso, con arcos cara á rúa María, e tiñan ao lado unha fábrica de chocolate (espazo que hoxe ocupa a nosa capela).

12 de novembro de 1910
Había na comunidade un frade moi novo, tiña 26 anos, era un gran emprendedor, un home moi inquedo: chamábase P. Alberto Barros Fernández. Parece ser que era o «xefe», o que hoxe chamamos superior da comunidade, e un 25 de agosto de 1910 presentou ao Director do Instituto Xeral Técnico da Coruña un escrito onde solicitaba a apertura dun colexio de primeiro ensino (para nenos de ata 9 anos) e de preparación de carreiras especiais (no Ferrol da época, as carreiras militares).
Cando aínda non pasaran tres meses, o 12 de novembro de 1910, contéstalle o Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. D. Cleto Troncoso, autorizando a instalación dun colexio de primeiro ensino e preparación para carreiras especiais. Esa é a data fundacional do noso colexio, pero non se chamaba como o coñecemos hoxe: o seu nome era Colexio Nosa Señora da Mercé.
Cóntannos as crónicas que «crece o prestixio do Centro desde os primeiros anos da súa fundación debido á seriedade coa que se tomaran todas as tarefas docentes: en 1921 chegaba a matrícula a 214 alumnos e non se podían admitir máis por non haber prazas».
«Tirso de Molina», desde 1933
Se miramos a Historia de España, sabemos que a principios dos anos 30 o réxime de goberno era a República; polo tanto, non se permitía nos colexios nin nomes relixiosos nin que estes pertencesen aos relixiosos. Por iso os frades adhírense á sociedade SADEL, unha cooperativa de ensino, para poder seguir dando educación mercedaria, educación liberadora, aos ferroláns de entón.
Lemos nas Memorias: desde o 15 de outubro de 1933 o colexio cambia de nome e pasa a chamarse Colexio «Tirso de Molina», o pseudónimo de frei Gabriel Téllez (mercedario), gran escritor de obras de teatro, poeta e teólogo do Século de Ouro.

Un colexio que medra coa cidade
En 1950 facíanse necesarias unhas instalacións deportivas que estivesen en consonancia co Centro e, despois de non poucos trámites, lógranse adquirir 3.600 metros cadrados próximos ao Colexio (o pavillón no que hoxe estamos e as pistas exteriores), destacando desde entón e ata a actualidade nas lides deportivas, ata chegar a manter un equipo de Primeira División Nacional de Balonmán e outro de Baloncesto que conseguiu xogar en Segunda División Nacional. As nosas abundantes vitrinas atópanse ateigadas de trofeos.
Desde setembro de 1978, a Comunidade de Relixiosos reside na casa nº 200 da rúa Sol, adquirida para este fin, co obxecto de lograr maior intimidade e independencia e poder adaptar o Colexio ás esixencias do Bacharelato Unificado e Polivalente (o coñecido BUP); seguro que moitos pais e nais de hoxe o cursaron.
O día 27 de setembro de 1994 inaugúrase e entra en funcionamento o novo edificio de Educación Infantil e Educación Primaria (o actual edificio branco).
As nosas raíces están na Orde da Mercé. Podes coñecer a orixe desta tradición en A Mercé.
